Xa ando por aquí outra vez!
Como ides co confinamento? Recordade que cada vez estamos máis preto de vernos e o celebraremos por todo o alto, xa veredes.
Esta semana realizaremos a actividade ao longo de toda a semana. Como precisaredes os móbiles dos vosos familiares, teredes que facer a actividade proposta aos poucos. Un día faredes tres clasificacións, ao día seguinte outras tres e así ata chegar ao venres.
Antes de comezar coa propia actividade, pedídelle aos maiores que estean na vosa casa que vos deixen o seu teléfono para mirar os emojis que atoparedes no teclado. Como están clasificados os emojis? Teñen algo en común co resto? Cantas clasificacións hai? Están mesturados ou separados uns dos outros?
Así é! Están clasificados por campos semánticos. Aquí deixo un exemplo para que vexades o campo semántico que corresponde aos animais.
E vos estaredes a preguntar para que queredes saber que é un campo semántico e para que utilizaredes o móbil, non si? Pois aló imos!
A actividade consiste en atopar e colocar dentro da táboa que vos adxunto a continuación os emojis que poidan pertencer ao mesmo campo semántico. Por exemplo: 👅👂🏽👃🏼✋🏿👁 poderían ser emojis que pertenceran ao campo semántico dos órganos dos sentidos.
Como cada persoa pode asociar unha palabra distinta a un emoji común, pídovos que escribades a palabra que asociades a cada emoji debaixo de cada un. Usando este emoji (“🍰”) poderíamos dicir que estamos referíndonos á palabra “tarta” pero podería ocorrer que alguén pensase na palabra “pastel, pasteleiro, confitaría, etc”.
Déixovos a táboa para que realicedes a tarefa. Moito ánimo e espero as vosas clasificacións!
Unha aperta.

Comentarios
Publicar un comentario